miércoles, 28 de mayo de 2008

Erase unha vez unha aldea galega...

Érase unha vez unha aldea galega cun nome pexorativo para os Humanos. Durante centos de anos os seus habitantes padeceron a vergoña de naceres alí e agochaban as orixes dicindo pola comarca que as súas casas atopábanse na capital. E sucédense moitas e moitas noites ata que un día un Pato do lugar faloulles a tódolos veciños sobre unha gran cidade oriental con idéntico topónimo, moi rica e coñecida polos seus contos. As verbas chegaron aos oídos dos mozos dos arredores e a súa Arela por mudar o futuro converteu aquel recuncho do planeta en centro de relatos, historias, lendas, dramas, músicas... E dende entón moitas persoas que viven na capital contan na comarca que eles tamén medraron naquela aldea galega.

O cine e unha climatoloxía máxica transformaron do 21 ao 24 do 2008 a aldea do Porriño. Milleiros de visitantes asistiron ao V Festival de Curtametraxes de Cans, amosando ao mundo enteiro que en retranca cinematográfica Cans supera con claridade ao outro festival coincidente en datas, o Cannes francés. O rural reivindica con este festival o seu espazo no século XXI mentres Cans confirma o pulo da creatividade audiovisual galega.

O V Festival de Curtametraxes de Cans en cifras:
8.000 euros en premios. 5.500 persoas de asistencia (4 días). 600 entradas esgotadas. 350 proxeccións audiovisuais. Arredor de 200 persoas colaborando. 55 curtametraxes proxectadas. 38 entidades implicadas. 32 curtametraxes a concurso. 20 concertos de balde. 18 actividades paralelas. 10 Salas de proxección. 9 estreas audiovisuais mundiais. 8 chimpibuses. E coma dixo Alfonso Pato:
haberá VI Festival de Cans




PARA PODER VER AS SEGUINTES FOTOGRAFÍAS, AS MÁIS DE LUIS OTERO É
IMPRESCINDIBLE QUE ESCOITES AO MÁXIMO VOLUME QUE CHE PERMITA O TEU REPRODUCTOR, ESTE ANACO DO COMEZO DO CONCERTO DE TONY LOMBA & ELIO DOS SANTOS NO CONCERTO FINAL DO VFdC O 24/05/08 NO TORREIRO DE CANS (O PORRIÑO-PONTEVEDRA)


martes, 27 de mayo de 2008

Apoteose final do V Festival de Cans

A guinda final para os gourmets que asistiron ao derradeiro concerto dos catro días principais de festival puxerona Tony Lomba & Elio dos Santos interpretando un dos himnos do VFdC. Mentres España enteira prendía os televisores para coñecer a clasificación do friquifriqui en Eurovisión, a aldea-capital de Galiwood escoitaba no Torreiro o momento máis agardado da noite.
españa, españa, BANDERA, BANDERA, un respetito... grazas Tony e Elio por existir.



En CANS TV podes ver outros vídeos do festival.

lunes, 26 de mayo de 2008

Os gañadores do V Festival de Curtametraxes de Cans son...



PREMIO DE HONRA PEDIGREE´08 PARA CHETE LERE.

PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE FICCIÓN ... SÁLVAME de Javier Veiga.

MENCIÓN ESPECIAL DO XURADO NO APARTADO DE FICCIÓN ... PERVERSA LOLA, de Sonia Méndez.

PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN... 1977, de Peque Varela.

PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE FICCIÓN ... SÁLVAME.

PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN... A REVOLTA DOS MOUSES, de David Gen.

PREMIO DO XURADO Á MELLOR ACTRIZ... NURÍA SANZ, por PERVERSA LOLA.

PREMIO DO XURADO AO MELLOR ACTOR... LUÍS ZAHERA por ROSITA E JACINTO.

PREMIO DO XURADO AO MELLOR VÍDEOCLIP... THE HOMENS: CALAMAR, de Roi Fernandez e Isaac Cordal.

PREMIO DO PÚBLICO AO MELLOR VÍDEOCLIP... ELODIO Y LOS SERES QUERIDOS: ESPAÑA A LAS 8, de Alberto Bahamonde e Piño.

Fotografía: Luis Otero.

Conversas con cineastas en Cans

Unhas das posibilidades de Cans durante o festival consiste en saudar e falar cos asistentes. Aínda que non os coñezas. Iso é o agroglamour, explicoume unha velliña que se dirixía cara o jalpón friqui. Logo de subir a saia para evitar unha lameira engadiu: lareto todos os días das ghaliñas, dos animais, do tempo, e isto é un divertimento, a min ghústame moito o sine, as curtasmetrases e todo iso. Ghústame ver as últimas curtametrases ghalleghas e escoitar a estes rapases... ata che entran ghanas de faser unha película, desas pequenas.
Entroutros, diso falaron Juanma Bajo Ulloa no coloquio na leira, Mario Iglesias durante a presentación da súa longametraxe Cartas Italianas ou Juan-Chis Lee no ghalpón friqui co trailer da súa curta Enemichissimo.


O transporte público rural en funcionamento no VFdC


A aposta decidida das veciñas e veciños da aldea-capital de Galiwood polos chimpibuses coma vehículo oficial da rede de transporte público rural une outro ano máis os lugares da parroquia. O V Festival de Cans conta nesta Quinta edición cunha frota de oito chimpibuses que discorren a carón do Lavadoiro, Cruceiro, Monumento, Viña Alta ou Torreiro de Cans á divertida velocidade de vinte por hora.

Actrices, músicos, productoras, directores de cine, nenos, avoas, mozos, visitantes e demáis agroglamourosos sorrín nas viaxes entre as dez salas-ghalpóns.
A ver se identificades aos que están no chimpibus na foto de Luis Otero.

Galiwood agradece a Arela por quinto ano

Sen o traballo da Asociación Cutlural Arela na organización do Festival de Curtametraxes de Cans, a aldea-capital de Galiwood non existiría. E se ben Alfonso foi quen de idear o festival, este só é posible polo esforzo de Arela e de todos os colaboradores, invitados e veciños, pero especialmente de Moisés, Keka, María L, Sesi, Yoli, Maxi, Nia, David R, Esmeralda, Fin, Andrea, María P, Isaac, David C e Iago.
Carlos Meixide director do simbolo da curtametraxe galega valora deste xeito o significado e transcendecia do FdC.

En directo dende o torreiro de Cans

CANS TV abre todas as fiestras para que se inclúan cada unha das vosas olladas. Desta vez as actuacións dos festeiros Cuchufellos dende Manzaneda. Xa sabedes que o VFdC ten a súa canle propia no youtube.

Xeración Cans

O entusiasmo xeralizado na aldea-capital de Galiwood non ten perfil definido. Avós, pais e fillos forman parte das persoas elixidas para representar a Cans polo mundo adiante. Eles naceron aquí e son os mellores embaixadores da prolífica, transcedente e animada confraternación do audiovisual alén da parroquia do audiovisual galego.

Susi, Uxia, Sandra, Héctor, Gabriela, Jacobo, Adrián e Tania. A xeración FdC ao completo. Os pequerrechos non coñecen a parroquia sen o festival e os máis grandes lembran o aburridísima que era sen o FdC.
No que si coinciden é no divertida e animada que se converte a aldea durante estos días. Participan da festa, nos concertos, proxeccións, chimpibuses, conversas e no caso de Anxo tamén na organización.
Nenas e nenos agasallados polo destino e marcados coa pegada de marca propia. O presente e futuro de Cans xuntos en exclusiva detrás do torreiro para o blog.

sábado, 24 de mayo de 2008

Novos e maiores no VFdC

A xente nova camiña entre as nubes brancas e os chuzos que ás veces caen no arco da vella na que se converte estes días a aldea-capital de Galiwood. Eiquí os mozos e mozas escoitan con atención as experiencias e sabedoría dos mestres, neste caso, do acordeón, un fóra de serie. Pablo Lorenzo.

Distincións e recoñecemento en Galiwood

foto:Luís Otero
Ás veces os premios son inxustos porque no camiño esquécense valores e propostas que non reciben o seu merecido recoñecemento. Mais nesta edición houbo unanimidade nos premiados.
O Pedigree´08 chegou ás mans de Chete Lere, un actor galego que tarde e arrastro, vén de recibir os parabéns que Galiwood lle privara. É que Chete é moito Chete, un referente ineludible, un galego emigrante, un actor de escola. E mira ti por onde Chete soubo do festival moito antes que a meirande parte dos veciños e veciñas de Cans, aquí nolo conta.

Os chimpíns de prata foron parar a dúas estrelas do firmamento de Cans, Alicia e Miguel de Lira. Ámbolos dous recibiron entusiamados e con ilusión o agasallo que os distingue e diferencia do resto dos mortais. Non é para menos. Quen non vai sorrir logo de recibir tal distinción?

Os auditorios a punto. Que comecen as proxeccións!











A velocidade de actividades e de visitantes xa é de cruceiro. A xente invadiu a aldea-capital e a chuva da mañá deu paso a un ceo azul da tardiña. As premonicións fanse realidade. Os astros axudan e o agroglamour impera en Cans por quinto ano consecutivo. Aquí xa non cabe máis xente. Estreas mundiais, curtas holandesas e o transporte metropolitano de Cans funcionando a pleno rendemento. Os chimpibuses fan a súa aparición e o VFdC navega outra vez máis con vento a favor.
O estrondo da treboada acadou as leiras afastadas e marcou o ritmo do rebumbio dos galiwoodenses inquedos na busca de cadeiras para sentar. A longa noite é presenteada por nove bombos, catro caixas e cinco ghaitas. Aquí temolo claro, estamos en CANS.

A estas horas xa é medianoite e non queda outra que baixar os pantalóns. Cada quen que o interpreta ao seu xeito...

Mañá remata o festival e a enerxía entroques de diminuir vai en aumento.

Antes ninguén quería ser de Cans

Outra das estrelas do firmamento de Cans tivo uns minutiños para unha pequena conversa a pesares da súa axenda chea de tarefas e entrevistas a outros medios. Ela é unha das clásicas no FdC e segue igual de viva e predisposta co paso das edicións. Falo de Chelo, e o do seu jalpón.

Como era a vida en Cans antes do festival.
Os de Cans estabamos un pouco amrxinados polo nome. Cando eramos pequenas nós non decíamos que eramos de Cans. Dicíamos que eramos do Porriño. Polo nome nada máis.
Como son as cousas, agora todos queren ser de Cans.
Agora non pasa nada, decir Cans e coma decir outro lugar calquera.

Que che parece o festival.
Estupendo, foi o mellor que puideron facer, porque a xente víveo, axuda, a xente con chimpíns xa se ofrece, non fai falla ir buscalos. Gústame moito e por Fonso, e os outros, facemos o que sexa.
Abondos directores, actores, actrices, músicos...
Bueno, encántame iso. Cando vexo actores na miña casa. Que pensaba eu disto! E falo con eles e se podo facer unha foto con eles fágoa. O que pasa é que chamo polo nome de artista, non me sei os seus os nomes. Ao Tucho chámolle Tonecho, e ao Tonecho chámolle Tucho.
O futuro do festival xa non ten teito.
Agora xa llo dín a miña filla, pero segue sendo o jalpón de Chelo. Mentre ela non diga que é o cuberto de Paula. Seguiremos apoiando como poidamos

viernes, 23 de mayo de 2008

Disque Cans sumarase a unha rede de festivais alternativos

Disque van facer unha rede con festivais con proxeccións en espazos alternativos, como o Festival de Cans. Pola aldea-capital están Jose, do "Festivalito" canario, e Jalinde, do "Shoot-Me Film Festival" holandés. Disque.

Ruído Baixiño no Canastro de Bugarín

Víctor Coyote volta a sorprender coa performance musical Ruído Baixiño, no horreo ou Canastro de Bugarín. "Un final siempre es un mal final"...

Vídeo do segundo día

Unha peziña feita por Nacho Taibo resume o segundo día do VFdC. Xa sabedes que na páxina de youtube do festival podedes ver máis do que está acontecendo no terremoto de Cans.

Pincha otra más Ordovás!

Das limosinas descendeu aos poucos o glamor, e co cheiro das galiñas e o estercol das leiras trocou de súpeto en agroglamour. Bajo Ulloa, Mario Iglesias, Atilano Franco, Jacobo Rei, Jorge Coira, os periféricos Tamara Blanco, Carlos Méndez e Xosé Holgado, achegaron Cans ao ceo. E nas nubes do camiño os músicos Víctor Coyote, Miguel Costas, entroutros, dimensionaron o VFdC.
Sorprende a hospitalidade e naturalidade sinceiras con que os veciños e veciñas de Cans reciben aos agroglamourosos. Moncho non fai disticións entre oíntes. Tanto ten quen permaneza abraiado ao espectáculo musical. O seu repertorio non varia. Moncho, "tes que tocar unha dos Siniestro".
Na chimenea apagaron as derradeiras lascas despois do concurso de videoclips e a sesión do mestre dj. Para algúns seica era cedo e o segundo día do VFdC rematou coa mítica frase. "Pincha otra más, Ordovás".

Xa me traen tola, tanto falar tanto aquelar

A medida máis popular para clasificar os tipos de festivais vén marcada pola cantidade e calidade dos asistentes. Enténdese pois que o VFdC forme parte dos grandes festivais de cine no mundo. E é grazas ás superestrelas que comparten espazo, ben sexa en jalpóns, leiras ou tabernas, cos ferventes espectadores que visitan a aldea-capital.
Hoxe puiden falar cunha destas Superestrelas do firmamento Cans. Unha muller que fai máis aumentrar o prestixio do festival. Ela é a máis friqui colaboradora, pese a non saber moi ben que significa a palabra. É Alicia, dona dun do ghalpón friqui. Unha muller agradable, disposta cun sorriso contaxioso que acompañounos durante a conversa.
Como estás vendo o festival?
Vexoo de marabilla, a única pena é que chova, iso é o malo, pero eu vexoo de marabilla. É ben para todos. Vén moita xente de fóra, Porriño, Vigo, Ourense. Colleu como dir, unha fama ghrande.
Vai sorte nacer e vivir en Cans.
Todo mundo quere ser de aquí. De Cans, onde están os perros. Mira para aí cantos perros enghanchados. Eu estou moi contenta co festival, moi contenta moi contenta.
Con tanto famoso, non sei como non te estresas.
Xa me traen loca, tanto falar, tanto aquelar. É así, para mín, é unha cousa moi bonita, moi bonita.
Como é posible que nunha aldea tan pequena caiba tanta xente.
E hai que darlle as grazas a Pato e aos que o rodean. Él foi quen organizou todo isto e a xente tamén vai colaborando un pouquiño, uns nun lado outros noutro, vamos colaborando todos. Todos colaboramos un pouquiño no que podemos. A cousa vai para adiante, e cada ves vai máis para adiante.
Unha dúbida Alicia, que significa friqui.
É o meu jalpón, puxeronlle friqui eu non sei porque motivo nin me explico. Puxéronlle e xa está posto e así queda para toda vida.
Ighual te chaman friqui de agora en diante.
Eu xa estou acostumbrada a todo, non hai problema.

jueves, 22 de mayo de 2008

O gañador de videoclips é...

Disque houbo debate intenso e argumentacións confrontadas para dilucidar o premio ao mellor videoclip do VFdC, o resultado confirmarase esta noite na chimenea. Disque é pop made in galiza. Disque.

O agroglamour medra amodiño en Cans


A chuva que tanta falta fai, aínda que estaría mellor en outono, non será quen de evitar que o firmamento de Cans se encha de estrelas. Poucas de momento, pero medrando en cada hora.
Puiden falar con Jesús Ordovás, antes da súa sesión da noite. El recoñece estar moi animado co ambiente a pesares dos chuziños que caen. Jesús que forma parte do xurado de vídeoclips, tamén foi abducido polo agroglamour do VFdC.


Outro veterano participe e coprotagonista do festival, Victor Coyote, deixará pegada coa súa performance "ruído baixiño", un acústico no canastro de Bugarín. Teño curiosidade por velo, aínda que será a segunda vez que o presente, a primeira foi no Actual de Logroño. Víctor explícao mellor.


Jorge Coira como bo coñecedor do planeta Galiwood sabe do fala cando fala do Festival de Cans. Se aínda hai despistados, os veciños de Cans lembranos que estamos no VFdC.


Miguel Costas, Jesús Ordovás e Víctor Coyote no VFdC retratados polo fotografo galiwoodense Luís Otero.

Música para espertar o apetito do VFdC

A vida nas aldeas galegas xa non é o que era. A calidade de vida do rural empapa cada recuncho, e só os píos dos paxaros interrompen o silencio e a paz do día a día.
Cando pisei esta aldea decateime que Cans non sería posible sen os seus habitantes, que xa non conciben un maio sen festival. Cando chegues ti, con un pouco de sorte serás recibid@ co saúdo musical do Moncho.


Moncho é unha orquestra viva, as súas filarmónica e a pandereita xúnguense para descubrir unha revisión da música tradicional. Cando fai a reviravolta ao ritmo da melodía reafirma a cantidade de artistas e estrelas que viven na aldea-capital.


Entraban no jalpón de Moncho a modiño ata encher a sala. Todos os veciños e veciñas de Cans puideron ver dous traballos con claros protagonistas da comarca, as risas e os comentarios eran continúos. A expectación polo comezo do VFdC provocou que varias persoas permanecesen de pé. Pero xa se sabe, isto é Cans.
Logo un serán amenizado polos grandes músicas dos arredores, Anxo e Xulio, panadereiteiras de Cans e o xenio do acordeón Pablo.

No jalpón de Moncho rematou a xornada inaugural do VFdC e para rematar un agasallo sonoro para antes de durmir. Uxía sobresaínte. Mañá máis.

miércoles, 21 de mayo de 2008

Xurxo Souto bendice no jalpón de Moncho o VFdC

Por fin en Cans trala longa viaxe ata as terras do celuloide rural. Aquí puiden falar co Moncho, Chelo, Pepe, Uxía, con xente de Arela, pero faltan moitos ilustres cos que teño que conversar. Esta noitiña vai haber un serán cos veciños e veciñas da aldea-capital do planeta Galiwood. Aproveitareino para coñecer o que se coce na taberna e para ver as primeiras proxecións.O Festival de Cans só acaba de comezar.

A primeira retransmisión en directo e sen cortes publicitarios, dende o jalpón do Moncho e con ilustres convidados. Xurxo Souto e o comezo do seu programa radiofónico Aberto por Reformas, no que Moncho adianta un anaquiño do que vai acontecer os días que restan.



Procurarei que a vindeira retransmisión se vexa algo mellor. Se ves a Cans, decataraste que nesta aldea viven noutra dimensión. Cos pes firmes na herba humida e a cabeza soñando no balbordo que está por vir.

martes, 20 de mayo de 2008

Música para cans en Cans (6ª canción)

Para animar o baile poucos estilos tan efectivos coma o merengue. Ese arreghuntamiento, ese ritmo, esas pernas que non poden parar. No meu cd MusiCans, un clásico dentro do xénero de cancións con ouveos.



Merengue, merengue... do Wilfrido, un nome curioso. En Cans non hai ningún Wilfrido, aínda que sobre salsa.

Música para cans en Cans (4ª e 5ª canción)

Dous respiros musicais recompilados no meu cd MusiCans, que só inclúe cancións con ouveos de cans. Desta vez e a estas horas, radiofórmula en Cans FM, pero co rock&roll do bo: guitarras, distorsión e moito ritmo. Que hai que espabilar!



Se estás estresad@ e non tes pensado vir a Cans, escoita os dous temas. Se mentras o fas decátaste de que non podes vir, machiñ@ éche unha mágoa. Busca os ouveos. Troca as túas citas. Music Non Stop no VFdC.

Disque vai chegar alguén importantísimo dos USA

Disque este ano o festival estará cheo de sorpresas. Ademais dos personaxes habituais e dalgunha visita sen anunciar, fontes da organización murmuran sobre a chegada dun personaxe alén do Atlántico. Un nome público fundamental no cinema americano que pretende pasar desapercibido por Cans. Disque...

En China tamén se fala do VFdC


A repercusión internacional do VFdC está sorprendendo aos veciños e veciñas de Cans. Máis de 400 xornalistas que dan conta do acontecemento do ano no planeta Galiwood. Na China ou nos USA Cans xa ocupa espazo na prensa especializada.


Música para cans en Cans (2ª canción)

Continúo na teima co meu cd de 7 cancións con ouveos de cans. Pero se agardas que Seamus interprete tódolos temas vas apañad@. Nesta peza os ouveos están presentes pero fanse cotiás.



Para momentos tranquilos coma este, antes das proxeccións da tarde, a compaña dun tipo sosegado e pausado, como o Waits.
Aquí sentado no sofá, coa fiestra aberta e a ollada perdida no Monte Castelo. Vou fumar un pitillo. A situación presta.

Axeito o macuto rumbo á aldea-capital de Galiwood

Collín mudas, ghardei o rueiro de Cans, levo as chaves, un caderno e lapis, carguei o móbil, paraugas por se dá forte o sol (30%-40%-30%, Meteogalicia dixit). Pecho a mochila e aproveito o momento previo á saída para abrir unha emisora radiofónica co que apalpar o VFdC.

Para as ducías de miles de cans e cadelas que gosten do CansFestival, teño unha escolma ecléctica de temas musicais nos que se escoiten ouveos de cans. Metinos nun cd para a viaxe en coche. Este é o primeiro dos sete temas. Non podería ser outro que Mademoiselle Nobs, do meu admirado fluído rosa.



Este tema pertence ao directo en Pompeia grabado alí no 1971. A cadela Seamus canta coma os paxaros. Vou buscar cans en Cans que canten coma ela.
Ademais de cancións con ouveos, agardo escoitar as voces que pisen a alfombra azul, os chimpíbuses, as galiñas e o teu saúdo se te atopo en Cans.

Marcho.

Música para cans en Cans (7ª canción)

Na música pop levaronse todas as louvanzas. Algunhas excesivas tendo en conta a cantidade e calidade da música da prolífica década dos sesenta.
The Beatles tamén empregaron ouveos nalgunha das súas cancións. Seica non a tiñan prevista incluir no seu submarino marelo e foi grabada no 68 durante un clip promocional de Lady Madona.


En Cans preferimos a Tony Lomba & Elio dos Santos, homenaxeando ao friquismo europeo.
Por certo, alguén sabe dalgunha canción máis con ouveos para a segunda edición do meu cd Musicans?

Música para cans en Cans (3ª canción)

Seguindo a selección musical con ouveos.

Daquela escoitabanse moito. O Imperio dos Teclados dominou boa parte da discostascas da comarca e as guitarras baixaron ao jalpóns. As luces de cores, o licor43, as cámaras de vídeo portatís... Os oitenta, unha década auténtica na que a escea musical deixou pezas entrañables coma esta... dame a risa cando penso na xentiña bailandoa.



O alemán Harry Thumann acadou a sona internacional cos seus cans. Corría o ano 82 e naqueles días aínda os había máis ousados no Porriño.
Para rematar o longo día de hoxe, sesión dj con outro de sona inernacional, Jesús Ordovás, un amante dos oitenta no pub Chimenea. Estarei atento por se pon algunha das catro novas cancións do meu cd para viaxar a Cans, iso si, algo mellores ca esta.
Pero antes diso. Mimadriña o que falta!

viernes, 16 de mayo de 2008

E por riba con canle de televisión

A herba apañada, a leña nas adegas, os porcos con comida abondo, a cesta con ovos e centos de patacas novas. Este ano en Cans están que botan por fóra. Como adianto do que está por chegar un pequeno entremés para avivar os apetitos. Eu xa estou esfameada. Pero do 21 ao 24 de maio penso probar todiño.



Esta saborosa promo realizada polo chef de alta pastaleria J.P. Echeverry, un adianto pracenteiro de Cans08. Parece ser que ante a insistencia dos fans gastronómicos norteamericanos deste festival, a orghanisasión decidiu crear unha canle televisiva ofisial no youtube. En directo e en aberto, dende Cans para o resto do planeta: CansTV

A capital de Galiwood xa está disposta. Arranca a quinta edición do Festival de Cans

Catro, tres, dous... xa queda menos para dar comezo ao espectáculo con maior prestixio na terra de Galiwood. Outro ano máis e xa van cinco, Cans acolle o talento e a creatividade dos FILMES con maiúsculas da cinematografía galiwoodense. O futuro e o presente do audiovisual iluminarán os galpóns da aldea-capital, a música acompañará a tranquilidade das veigas, e as galiñas e demais bestas danzarán ao son na Meca da curtametraxe galega...
A programación e os segredos que se cocerán amodiño nesta lareira terán o seu espazo no blogue que aquí comeza. Vémonos do 21 ao 24 de maio no Porriño no V FESTIVAL DE CANS!